Un cementoblasto é unha célula que se forma a partrir das células foliculares que se encontran arredor da raíz dos dentes e moas, situados revestindo a superficie da raíz entre os feixes do ligamento periodontal [1], e que teñen como misión a cementoxénese ou formación do cemento da raíz das pezas dentais (o tecido duro que cobre a raíz das pezas dentais e que as une co alvéolo dentario). Os cementoblastos depositan a matriz orgánica do cemento, que máis tarde será mineralizada con minerais procedentes dos fluídos orais. Depositan fibras de coláxeno e secretan osteocalcina e sialoproteína.
Os cementoblastos son grandes, arredondados, con citoplasma basófilo indicativo dun extenso retículo endoplasmático granular. Posúen todos os orgánulos asociados coa síntese proteica, como un grande retículo endoplasmático e aparato de Golgi.
Os cementoblastos expresan moitas das proteínas expresadas polos osteoblastos, pero tamén se informou de proteínas específicas dos cementoblastos, como a CAP e a CEMP1.[2][3] Explorouse a capacidade rexenerativa do cemento do tecido periodontal en casos de periodontite aplicando diversas substancias promotoras da proliferación dos cementoblastos [4]