Os flavonois son unha clase de flavonoides que teñen un esqueleto de 3-hidroxiflavona (nome da IUPAC: 3-hidroxi-2-fenilcromen-4-ona). A diversidade destes compostos depende das diferentes posicións que ocupan os grupos OH fenólicos. Son diferentes dos flavanois (con "a"), como a catequina, outra clase de flavonoides.
Os flavonois están presentes nunha ampla variedade de froitas e verduras. Nas poboacións occidentais, a inxesta diaria estimada de flavonois é de 20 a 50 mg ao día. A inxesta individual varía dependendo do tipo de dieta consumida.[1]
Nos flavonois (e glicósidos) o fenómeno da fluorescencia dual (debido á transferencia de protóns intramolecular en estado excitado - ou ESIPT, polas súas siglas en inglés -) é inducido pola tautomería destes compostos e podería contribuír á protección ultravioleta das plantas e á cor das flores.[2]
Ademais de ser un subtipo de flavonoides, suxeriuse nun estudo feito sobre o zume de arandos que os flavonois desempeñan un papel, xunto coas proantocianidinas, na capacidade do zume de bloquear a adhesión bacteriana, demostrada pola compresión das fimbrias da bacteria E. coli no tracto urinario, que reduce grandemente a capacidade desas bacterias de quedaren fixas no lugar e iniciar unha infección.[3] As aglicona de flavonol en plantas son potentes antioxidantes que serven para protexer a planta das especies reactivas do oxixeno.[4]