Fosfofrutoquinase | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||||
Símbolo | Ppfruckinase | ||||||||||
Pfam | PF00365 | ||||||||||
InterPro | IPR000023 | ||||||||||
PROSITE | PDOC00336 | ||||||||||
|
A fosfofrutoquinase (PFK) é un encima do grupo das quinases que fosforila a frutosa 6-fosfato orixinando unha frutosa con dous grupos fosforilo. Intervén na glicólise. É un encima alostérico. Existen dous tipos de fosfofrutoquinase chamados fosfofrutoquinase 1 e 2, segundo en que carbonos realicen a fosforilación.
A transferencia catalizada encimaticamente dun grupo fosforilo desde o ATP é unha importante reacción que intervén en moitos procesos biolóxicos.[1] Un dos encimas que utiliza esta reacción é a fosfofrutoquinase que intervén na terceira reacción da ruta da glicólise, que é un paso regulatorio chave desta vía, e que transforma a frutosa 6-fosfato en frutosa 1,6-bisfosfato.[2][3]
A fosfofrutoquinase é un homotetrámero en bacterias e mamíferos (nos cales cada monómero posúe dous dominios similares) e un octámero en lévedos (nos que hai 4 cadeas alfa na PFK1. e 4 cadeas beta na PFK2; esta última, igual que os monómeros de mamífero, posúe dous dominios similares).[3]
Esta proteína pode usar o modelo morfeeína de regulación alostérica no cal os monómeros poden ter dúas conformacións distintas orixinando dous homooligómeros distintos, e poden cambiar entre unha conformación e a outra.[4]
A fosfofrutoquinase bacteriana ten uns 300 aminoácidos, e os estudos estruturais deste encima bacteriano indican que consta de dous lóbulos similares (alfa/beta): un implicado na unión do ATP e o outro que contén o sitio activo para a unión do substrato e o sitio alostérico (un sitio de unión para unha molécula regulatoria, distinto do sitio activo, que afecta a actividade do encima). As subunidades tetrámeras idénticas adoptan dúas conformacións diferentes posibles: no estado pechado, un ión magnesio uinido ao encima establece unha ponte cos grupos fosforilo dos produtos do encima (ADP e frutosa 1,6- bisfosfato); e no estado aberto, o ión magnesio únese só ao ADP,[5] xa que os dous produtos están agora separados. Estas conformacións crese que son estadios sucesivos dun conxunto de reaccións que require o peche da subunidade para que as dúas moléculas se poñan o suficientemente xuntas para reaccionaren.[5]
A deficiencia en fosfofrutoquinase 1 orixina glicoxenose tipo VII (enfermidade de Tarui), un trastorno autosómico recesivo caracterizado por náuseas graves, vómitos, cambras musculares e mioglobinuria en resposta a exercicios vigorosos e intensos explosivos.[3] Os pacientes poden xeralmente levar unha vida normal simplemente aprendendo a axustar os seus niveis de actividade.[3]