Os fueguinos son calquera das tribos de habitantes indíxenas da illa de Terra do Fogo,[1] do extremo sur de Suramérica. Ás veces o termo tense utilizado para referirse ao pobo yaghan, pero é un termo equívoco por ser impreciso, xa que pode referirse a calquera das tribos que alí habitan ou habitaron. O termo procede do castelán, idioma no que fueguino pode referirse a calquera persoa do arquipélago.
Os indíxenas fueguinos pertencían a diferentes tribos incluíndo os ona (pobo selk'nam), haush (manek'enk), yaghan (yámana), e alacaluf (kawésqar). Todas estas tribos excepto a dos selk'nam vivían exclusivamente en zonas costeiras e tiñan as súas propias linguas. Os yaghans e os alacaluf viaxaban en canoas de madeira de bidueiro polas illas do arquipélago, mentres que os haush que habitaban tamén as costas non o facían. Os selk'nam vivían no interior da illa Grande da Terra do Fogo e alimentábanse principalmente cazando guanacos. Os ona eran exclusivamente cazadores-recadadores terrestres que cazaban animais terrestres como guanacos, raposos, roedores tuco-tucos e aves que aniñaban nas terras altas e tamén peixes e mariscos costeiros.[2] Todas as tribos facían unha vida nómade e non tiñan asentamentos permanentes. Os pobos fueguinos falaban varias linguas distintas: tanto a lingua kawésqar coma a lingua yaghan son consideradas linguas illadas, mentres que os selk'nams falaban unha lingua chon igual que os tehuelches do continente.[3]
Actualmente quedan poucos integrantes destes pobos, debido ao proceso de aculturación e ás mortes masivas sufridas durante os séculos XIX e XX. O sarampelo e outras doenzas traídas polos colonizadores case acabaron coa poboación orixinaria das illas da zona do cabo de Fornos.[2][4] Produciuse tamén un verdadeiro xenocidio dos selk'nam, que foi autorizado e dirixido polos estancieros (donos de facendas) entre 1884 e 1900, que orixinou un gran declive da poboación indíxena.[5][6] As grandes compañías pagaban aos granxeiros de ovellas ou a milicias unha recompensa por cada selk'nam morto, o que se confirmaba presentando un par de mans ou orellas ou un cranio, e pagábase máis polas mulleres que polos homes.[7][8]