Galeuzca[1] (contracción dos topónimos Galicia, Euskadi e Cataluña) é o nome co que foron designados varios pactos entre partidos e políticos nacionalistas de Cataluña, o País Vasco e Galicia dende 1923 ata a actualidade. O nome Galeuzca empregouno por vez primeira Josep Conangla i Fontanilles o 31 de agosto de 1924 nunha conferencia no Centro Catalán da Habana titulada Catalunya. Passat, present i futur. Segundo o tipo de acordo, de período, ou de interlocutor pódense atopar varias grafías: Galeusca, Galeuzca, Galeuzka, GalEusCa e tamén Galeuscat.