Hemidesmosoma

Ultrastrutura de hemidesmosomas traqueais en rato. Nun rato normal (a) existen hemidesmosomas organizados e ben definidos con áreas escurecidas na lámina densa adxacente aos hemidesmosomas (frechas). A diferenza dos anteriores, os hemidesmosomas en traqueas de ratos sen laminina Lamc2 (Lamc2 -/-) (b) están menos organizados, o compoñente intracelular é máis difuso, e a lámina densa situada directamente debaixo das áreas de hemidesmosomas non teñen a densidade electrónica observada no control (frechas). Tomado de Nguyen et al., 2006.[1]

Os hemidesmosomas (HD) son estruturas similares a pequenos remaches situadas na superficie basal interna dos queratinocitos da epiderme da pel. Vistos con microscopio electrónico son similares en forma aos desmosomas. Pero mentres que os desmosomas unen dúas células entre si, os hemidesmosomas unen unha célula coa matriz extracelular. En lugar de utilizaren as desmogleínas como proteínas de unión, os hemidesmosomas utilizan as proteínas desmopenetrinas de adhesión celular. Os hemidesmosomas son asimétricos e atópanse en células epiteliais, onde conectan a cara basal da célula a outras estruturas.

Os hemidesmosomas constan de dúas placas similares a remaches (as placas interna e externa), xunto con fibrilas de ancoraxe e filamentos de ancoraxe que son denominadas en conxunto complexo de adhesion do hemidesmosoma estable ou complexo de filamentos do hemidesmosoma de ancoraxe. En conxunto, o complexo de filamentos do hemidesmosoma de ancoraxe forma unha unión estrutural continua entre os filamentos intermedios de queratina do queratinocito basal e a zona da membrana basal subxacente e os compoñentes dermais. Na pasada década, viuse que estas estruturas comprenden 10 ou máis compoñentes moleculares.

Un exemplo de configuración dun hemidesmosoma constaría de queratina citosólica, unida non covalentemente a unha placa de plectina, a cal está unida a unha molécula de adhesión transmembrana como a integrina α6β4. A integrina estaría unida a unha das moitas proteínas multi-adhesivas como as lamininas, situadas na matriz extracelular, formando deste modo unha das moitas adhesións potenciais entre as células e a matriz.

Diagrama dun hemidesmosoma na zona da membrana basal epidérmica.

Unha análise de microscopía electrónica detallada da zona da membrana basal epidérmica revela que comprende unha interface estreita e ás veces pregada entre os queratinocitos basais e a derme[2]. A grande aumento, obsérvanse varias estruturas complexas na zona da membrana basal epidérmica. Esta zona mostra estruturas pequenas (< 0,5 micrómetros), electrodensas e regularmente espazadas, que son os hemidesmosomas. Son visibles liñas electrodensas delgadas extracelulares, paralelas á membrana plasmática e subxacentes á placa externa situadas nos hemidesmosomas e que se denominan placas densas sub-basais [3]. Os filamentos de ancoraxe atravesan o espazo da lámina lúcida e parecen inserirse na zona electrodensa, a lámina densa. Debaixo da lámina densa, fibrilas de ancoraxe bandeadas e de estrutura en bucle esténdense máis de 300 nm por debaixo da membrana basal na derme papilar. A lonxitude destes bucles pode permitirlles unirse ou rodear as fibras do coláxeno dérmico ou outros compoñentes como os da rede de microfibrilas elásticas.

  1. Nguyen NM, Pulkkinen L, Schlueter JA, Meneguzzi G, Uitto J, Senior RM (2006). "Lung development in laminin gamma2 deficiency: abnormal tracheal hemidesmosomes with normal branching morphogenesis and epithelial differentiation". Respir. Res. 7: 28. PMC 1386662. PMID 16483354. doi:10.1186/1465-9921-7-28. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 29 de novembro de 2011. 
  2. Luca Borradori, Arnoud Sonnenberg. Structure and Function of Hemidesmosomes: More Than Simple Adhesion Complexes. Journal of Investigative Dermatology. (1999) 112, 411–418; doi:10.1046/j.1523-1747.1999.00546.x Review
  3. Journal of Investigative Dermatology Figura

Hemidesmosoma

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne