Hogzilla é o nome que se lle deu a un porco bravo que foi abatido en Alapha, no estado de Xeorxia, nos Estados Unidos, o 17 de xuño do 2004 por Chris Griffin na granxa e reserva de caza de Ken Holyoak.
Presuntamente o animal medía 3,6 m e pesaba uns 450 kg; pero unha vez que os seus restos foron exhumados e estudados por científicos da National Geographic para un documental, no ano 2005, descubriuse que, en realidade, medía entre 2,25 e 2,4 metros e pesaba uns 360 kg, datos que a pesar de ser menores non lle restan importancia ao impresionante animal que non ten comparación con ningún xabarín ou porco doméstico, de talles moito menores.
Ademais, segundo os datos que revelou o estudo, o porco tiña uns caninos de 46 cm de lonxitude batendo un récord en América do Norte.