As lamininas son proteínas da matriz extracelular de elevado peso molecular (~400kDa). Son un compoñente importante e bioloxicamente activo da lámina basal (unha das capas da membrana basal), unha rede proteica na que se fixan moitas células e órganos. As lamininas inflúen na diferenciación celular, migración, e adhesión de células, e no seu fenotipo e supervivencia.[1]
As lamininas son proteínas triméricas que conteñen cadeas α, β e γ (unha de cada), as cales poden atoparse en forma de cinco, catro e tres variantes xenéticas, respectivamente. As moléculas de lamininas denomínanse de acordo coa súa composición en cadeas. Así, a laminina-511 contén as cadeas α5, β1, e γ1.[2] Identificáronse outras catorce combinacións de cadeas in vivo. As proteínas triméricas crúzanse formando unha estrutura reticulada que pode unirse a outras moléculas da membrana plasmática ou da matriz extracelular.[3] Os tres brazos máis curtos teñen grande facilidade para unirse a outras moléculas de laminina, o cal lles permite formar láminas. O brazo longo da proteína pode unirse ás células, axudando a ancorar as células dos tecidos organizados á membrana.
A familia das glicoproteínas lamininas constitúe unha parte integral do armazón estrutural de case todos os tecidos do organismo. Son segregadas e incorporadas ás matrices extracelulares asociadas coas células. A laminina é vital para o mantemento e supervivencia dos tecidos. As lamininas defectuosas poden causar que os músculos se formen incorrectamente, orixinando distrofia muscular, enfermidades cutáneas mortais (epidermólise ampolosa xuncional) e defectos na filtración renal (síndrome nefrótica). [4]
As lamininas da matriz extracelular non deben confundirse coas proteínas laminas da lámina nuclear, de nome parecido.