A mirmecofilia (etimoloxicamente 'amor polas formigas') é unha asociación interespecífica positiva entre as formigas e outros diversos organismos, como plantas, outros artrópodos e fungos. A mirmecofilia é unha asociación mutualista coas formigas, aínda que no seu uso máis xeral, o termo pode tamén referirse a interaccións commensais ou mesmo parasitas.
O termo mirmecófilo utilízase principalmente para os animais asociados con formigas. Coñécense unhas 10.000 especies de formigas (Formicidae), cunha gran diversidade delas nos trópicos.[1] Na maioría dos ecosistemas terrestres as formigas son dominantes ecoloxica e numericamente, sendo os principais invertebrados predadores. Como resultado, as formigas exercen un papel clave no conrol da riqueza e abundancia de artrópodos e a estrutura da comunidade.[2] Algunhas evidencias indican que a evolución das interaccións mirmecófilas contribuíu á abundancia e éxito ecolóxico das formigas[1][3] ao asegurar unha subministración de alimentos fiable e rica en enerxía, proporcionando así unha vantaxe competitiva para as formigas sobre outros invertebrados predadores.[4] A maioría das asociacións mirmecófilas son oportunistas, non especializadas e facultativas (o que significa que ambas as especies poden sobrevivir sen a interacción), aínda que tamén se observaron en moitas especies mutualismos obrigados (nos que unha ou as dúas especies dependen da interacción para sobrevivir).[5]
A medida que crece un formigueiro, é máis probable que albergue unha maior variedade de mirmecófilos. Isto débese en parte a que as colonias máis grandes teñen maiores especializacións e maior diversidade de ecoloxía dentro dos formigueiros, permitindo unha maior diversidade e tamaño de poboación entre os mirmecófilos.[6][7]