Nanoarqueotas | |||||
---|---|---|---|---|---|
Nanoarchaeum equitans | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Xénero | |||||
Os nanoarqueotas (Nanoarchaeota) son un filo (e tamén un reino) do dominio Archaea que foi especialmente creado para clasificar a especie Nanoarchaeum equitans, descuberta en 2002, que ten unhas relacións de parentesco inseguras.[1][2]
Nanoarchaeum equitans é unha célula esférica diminuta, de só 400 nm, que vive sobre a superficie doutras arqueas máis grandes específicas do xénero Ignicoccus, en chemineas hidrotermais oceánicas (hipertermófila). Ten o xenoma máis pequeno entre as arqueas (uns 0,5 Mb). Como esta especie tiña unha secuencia de ARNr 16S tan peculiar era indetectable polos métodos usuais de estudos ecolóxicos baseados na PCR. O exame inicial desta secuencia indica que o organismo pertence moi probablemente ao dominio Archaea. O organismo puido ser cultivado e ao comparar esta secuencia de ARNr coas dos filos principais de arqueas, Euryarchaeota e Crenarchaeota, aprécianse diferenzas tan grandes como a diferenza que hai entre eses dous filos, polo que se lle asignou un novo filo, chamado Nanoarchaeota.
Porén, outro grupo de investigadores en 2005 comparou outras mostras de secuencias xenómicas de proteínas ribosómicas e outros marcadores e sostén que a especie está máis próxima ao filo Euryarchaeota, concretamente ao grupo das Thermococcales, pero que sufriu unha rápida evolución e transferencia lateral de xenes, polo que non se xustificaría a creación do novo filo.[3]