O opistosoma é un dos dous tagmas en que se divide o corpo dos quelicerados. O outro tagma é o prosoma.[1][2]
Nos quelicerados, que non teñen unha cabeza diferenciada do resto do corpo, o opistosoma é ás veces denominado abdome, termo desaconsellado xa que non é homólogo do abdome dos crustáceos e os insectos.
En arañas e amblipixios existe unha constrición ou cinto (pedicelo) que separa o opistosoma do prosoma, pero no resto dos arácnidos o límite entre ambos os tagmas é menos evidente.
Por outra parte, os escorpións posúen un opistosoma diferenciado en dúas zonas, unha basal e ancha denominada mesosoma e outra final estreita e alongada coñecida como metasoma ("cola").