Os osteodermos ou osteodermas son depósitos óseos que forman escamas, placas ou outras estruturas no derma da pel dalgúns animais. Os osteodermos encóntranse en moitos grupos de réptiles e anfibios existentes ou extintos, como os lagartos, crocodilianos, ras, temnospóndilos (anfibios primitivos extintos), varios grupos de dinosauros (singularmente os anquilosauros e estegosaurios), fitosauros, aetosauros, placodontos e hupehsuquios (réptiles mariños con posibles afinidades cos ictiosauros).
Os osteodermos son pouco comúns en mamíferos, pero aparecen tamén en moitos xenartros (armadillos e nos extintos gliptodontos e preguiceiros terrestres). Os osteodermos evolucionaron de forma claramente independente en moitas liñaxes distintas, e estas variadas estruturas deben considerarse análogos anatómicos e non homólogos, e non necesariamente indican monofilia. En moitos casos, os osteoermos poden funcionar como armaduras defensivas. Os osteodermos están compostos de tecido óseo, e derivan dunha poboación de células da crista neural de tipo escleroblasto durante o desenvolvemento embrionario do organismo. A poboación de células da crista neural escleroblásticas ten algunhas características homólogas asociadas co derma.[1]
Os osteodermos dos modernos crocodilianos están moi vascularizadas e poden funcionar como armadura ou como intercambiadores de calor, permitindo que estes grandes réptiles aumenten ou baixen rapidamente a súa temperatura. Outra función é neutralizar a acidose causada por estar mergullados durante longos períodos de tempo, o que produce unha acumulación de dióxido de carbono no sangue. O calcio e o magnesio no óso dérmico liberan ións alcalinos á corrente sanguínea, actuando como un tampón químico contra a acidificación dos fluídos corporais.[2]