O panmongolismo (en mongol: Нармай Монгол) é unha ideoloxía irredentista que defende a solidariedade e a unidade cultural e política dos mongois.[1][2] O territorio proposto, chamado "Gran Mongolia" (en mongol: Даяар Монгол; Dayaar Mongol), normalmente inclúe o estado independente de Mongolia,[3] as rexións chinesas de Mongolia Interior e Zungaria (en Xinjiang) e a República dos Buriatos, en Rusia.[4] Ás veces tamén se inclúen a República dos Tuva, a República de Altai e partes do Krai de Zabaykalsky e o Óblast de Irkutsk.[5] No ano 2006, todas as áreas da Gran Mongolia, agás o estado de Mongolia, tiñan maiorías non mongois.[4]
O movemento nacionalista xurdiu no século XX como resposta ao colapso da dinastía Qing e á posibilidade dun estado mongol independente. Despois de que o Exército Vermello axudase a estabelecer a República Popular de Mongolia, a política exterior de Mongolia deu prioridade a buscar o recoñecemento da independencia fronte á expansión territorial. Despois de que a Revolución de Mongolia de 1990 acabase co goberno comunista en Mongolia, xurdiron unha serie de organizacións que promoven o panmongolismo, mais teñen pouco apoio popular.