Pritaneo | |
---|---|
[ editar datos en Wikidata ] |
Pritaneo (en grego antigo: πρυτανεῖον; en latín: Prytaneum) foi o nome que os antigos gregos lle deron ao edificio que albergaba o poder executivo da cidade.
Adoitaba situarse no centro da cidade, na ágora, e tamén tiña un aspecto marcadamente relixioso, xa que era o lugar onde se gardaba o lume sagrado dedicado a Hestia. Parece que nun principio o pritaneo era a residencia do rei, que gardaba o lume sagrado para a comunidade. Pausanias di que había pritaneos nas capitais dos estados gregos, e non en todas as cidades. O lume de cada cidade, que se mantiña aceso permanentemente, era levado ás colonias que fundaba, e se algún día se apagaba había que traelo de volta da cidade nai. Finalmente o pritaneo converteuse no símbolo da independencia dos estados e isto é o que indica Tucídides.
Os maxistrados do estado reuníanse normalmente no Pritaneo para tratar aquelas cousas que se referían ao goberno, e era o lugar por onde pasaban todos os días os prítanes, que eran os membros do poder executivo da Bulé, mantidos polo Estado. e outros cidadáns distinguidos por determinados servizos, privilexio ás veces garantido a perpetuidade e outras por tempo limitado. En Olimpia, os vencedores dos Xogos Olímpicos reuníanse no pritaneo.
En Atenas, cando creceu a cidade, o pritaneo trasladouse ao barrio e Cerámico. O edificio descrito por Pausanias, na ágora, foi construído en época romana.
No Pritaneo celebrábanse xantares públicos onde se convidaba a aqueles que polos seus servizos merecían ser mantidos pola cidade. Tamén comían alí visitantes e embaixadores estranxeiros. Os encargados de abastecer de alimentos chamábanse colácretas. Era o lugar onde se almacenaba o gran que se repartía aos cidadáns[1].