O proscenio é a zona do escenario dun teatro máis próxima ao público. No espazo que ocupa na estrutura teatral pode tomar os nomes de anteescena, gravata e gloria.[1]
A palabra provén literalmente do termo latino "proscaenium" que, á súa vez, é a transposición do grego προσκήνιον formado por προ- (diante) e σκηνή (escena). Nos teatros da antigüidade, tanto gregos como romanos, chamábase proscenio á zona ou muro situado entre a escena (onde oficiaban os actores) e a orchestra (espazo onde se situaban coro, danzantes e músicos), creando en conxunto unha especie de escaleira descendente cara ao público.[2]