Os retinoides son unha clase de compostos químicos tetraterpénicos que son vitámeros da vitamina A ou están quimicamente relacionados con ela. Os retinoides úsanse en medicina como reguladores do crecemento de células epiteliais.
Os retinoides teñen importantes funcións en todo o corpo, incluíndo papeis na visión,[1] regulación da proliferación celular e diferenciación, crecemento do tecido óseo, función inmune e activación de xenes supresores de tumores.
Tamén se están facendo investigacións sobre a súa capacidade de tratar o cancro de pel. Actualmente, a alitretinoína (ácido 9-cis-retinoico) pode utilizarse topicamente para axudar a tratar as lesións de pel do sarcoma de Kaposi e a tretinoína (ácido todo-trans- retinoico) utilízase para tratar a leucemia promielocítica aguda.