Os rizobios son bacterias do chan que realizan a fixación do nitróxeno (diazótrofos) establecendo unha simbiose con plantas leguminosas durante a cal forman uns nódulos nas raíces da planta nos que viven as bacterias. Para realizaren este labor, os rizobios requiren unha planta hóspede; xa que non poden fixar o nitróxeno por separado. Co termo rizobio non nos estamos a referir a bacterias do xénero Rhizobium, senón a un grupo de especies de bacterias de moitos xéneros, pertencentes a varias familias e ordes, polo que rizobio non é un nome dun taxon. Porén, orixinariamente rizobio referíase só a Rhizobium, pero hoxe os Rhizobium son só un dos exemplos de rizobios. En xeral, os rizobios son bacterias gramnegativas, móbiles, con forma de bacilo e non formadoras de esporas.
A palabra rizobio procede do grego ῥίζα, rhíza, que significa raíz, e de βίος, bios, que significa vida.