A SDS-PAGE (do inglés sodium dodecyl sulfate–polyacrylamide gel electrophoresis ou electroforese en xel de poliacrilamida con dodecil sulfato sódico) é unha das variantes da electroforese en xel de poliacrilamida, un método analítico usado en bioquímica para a separación de moléculas cargadas en mesturas pola súa masa molecular nun campo eléctrico. Utiliza o dodecil sulfato sódico (SDS) para axudar a identificar e illar moléculas de proteínas.
A SDS-PAGE é un sistema electroforético descontinuo desenvolvido por Ulrich K. Laemmli, que se utiliza habitualmente como método para separar proteínas de masas moleculares entre 5 e 250 KDa.[1] A publicación que a describe é o artigo máis frecuentemente citado dun só autor e o segundo máis citado globalmente.[2]