A ARN polimerase ou RNA polimerase (abreviada como ARNpol, RNApol, RNAP ou ARNP), tamén chamada ARN polimerase ADN-dependente (EC 2.7.7.6), é un tipo de encima que produce ARN. Nas células a ARN polimerase é necesaria para formar cadeas de ARN utilizando como molde os xenes do ADN, nun proceso chamado transcrición xenética. Os encimas ARN polimerases son esenciais para a vida e encóntranse en todos os organismos e en moitos virus. En termos químicos, a ARN polimerase é unha nucleotidil transferase que polimeriza ribonucleótidos no extremo 3' dun transcrito de ARN.