Tipo | Meseta | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Irán | |||
| ||||
O altiplano iraniano (en persa: فلات ایران) é unha formación xeolóxica localizada no suroeste de Asia, Asia Meridional e a rexión do Cáucaso. É parte da placa eurasiática que se estende entre a placa arábiga e a placa índica, situada entre os montes Zagros, no oeste, o mar Caspio e o Kopet Dag, ao norte, o estreito de Ormuz e o mar Arábigo, ao sur, e o Hindu Kush, ao leste. Neste límite oriental pódense diferenciar do altiplano iraniano os montes Suleiman, os montes Makran e os montes centrais de Afganistán.
Como rexión histórica inclúe Partia, Media e Persia oriental, o corazón da Gran Persia (principalmente Irán, Afganistán e o Paquistán situado ao oeste do río Indo).[1] Os montes Zagros forman o límite occidental da meseta, e as súas ladeiras orientais poden incluírse no termo. A Encyclopædia Britannica exclúe expresamente as "terras baixas do Juzestán" e caracteriza Elam como un territorio que abranguía «a rexión dende a chaira mesopotámica ata o altiplano iraniano».[2][3]
Debde o Caspio no noroeste, ata Baluchistán no sueste, o altiplano iraniano esténdese ao redor de 2000 km. Abrangue a maior parte de Irán, Afganistán e unha parte significativa de Paquistán, unha rexión en liñas xerais marcada por un cuadrilátero con lados sobre as cidades de Tabriz, Xiraz e Cabul e que ocupa arredor de 3,7 millóns de quilómetros cadrados. A pesar de chamarse «altiplano», está lonxe de ser chan, xa que nel hai varias cadeas montañosas, sendo o seu cume o Damavand nos montes Elburz a 5610 metros, e depresións como a conca de Lut, ao leste de Kerman, no Irán central, por baixo de 300 metros.