Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A anemia perniciosa (tamén coñecida coma Anemia aquílica macrocítica, Anemia perniciosa Conxénita, Anemia perniciosa xuvenil, Deficiencia de vitamina B12 (malabsorción)) é un tipo de anemia megaloblástica que é causada pola carencia de vitamina B12[1] que pode afectar a persoas que seguen unha dieta estritamente vexetariana ou, principalmente, a aqueles que presentan deficiencias do factor intrínseco, un produto químico segregado pola mucosa da membrana do estómago que facilita a absorción da vitamina, que é necesaria tamén para a formación dos glóbulos vermellos.
A vitamina B12 é necesaria para que as células nerviosas e sanguíneas funcionen de maneira axeitada, de tal forma que a súa deficiencia pode ocasionar unha ampla variedade de síntomas, incluíndo fatiga, dificultade para respirar, sensación de formigueo, dificultade para camiñar e diarrea.
Non se coñece o motivo da ausencia do factor intrínseco, aínda que pode deberse a unha deficiencia xenética ou a unha enfermidade autoinmune. Afecta principalmente aos adultos entre os 50 e 60 anos de idade, aínda que tamén se pode presentar unha forma xuvenil da enfermidade nos nenos, a anemia perniciosa, polo xeral, non aparece antes dos 30 anos. Pode afectar a todos os grupos raciais, mais a incidencia é maior nas persoas con descendencia escandinava ou europea nórdica.