Os anticorpos monoclonais (ás veces abreviados como Acmo, mAb ou moAb) son anticorpos monoespecíficos que son todos idénticos porque os producen células inmunitarias idénticas que son clons dunha única célula parental. Por tanto, os anticorpos monoclonais teñen todos as mesmas zonas de unión ao antíxeno, é dicir, teñen unha afinidade monovalente, xa que todos se unen o mesmo epitopo do antíxeno. A diferenza dos anteriores, os anticorpos policlonais son producidos por varios clons diferentes de células inmunitarias e non son idénticos.
É posible producir anticorpos monoclonais para case calquera substancia, que se unirán especificamente a esa substancia, e poden despois servir para detectar ou purificar esa substancia. Convertéronse nunha importante ferramenta en bioquímica, bioloxía molecular e medicina. Cando se usan como medicinas, o nome non propietario da droga acaba en -mab (do inglés monoclonal antibody).