O aparello ou aparato dixestivo é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que permite a inxestión de alimento, a súa dixestión para obter enerxía e nutrientes, e excretar os refugallos sobrantes non necesarios. Deste xeito, as funcións principais do aparello dixestivo son a inxestión, dixestión, absorción e defecación.
O aparato dixestivo difire substancialmente duns animais a outros. Algúns teñen estómagos con múltiples compartimentos, mentres que os estómagos doutros animais só están constituídos por unha soa cámara. O aparello dixestivo adoita dividirse nunha zona anterior, unha zona media e unha posterior, reflectindo a orixe embriolóxica de cada segmento.[1]