Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Datos históricos | ||||
Creación | 27 de novembro de 511 | |||
Disolución | novembro de 751 | |||
Austrasia (Austrasie en francés e Austrasien en alemán) é o nome baixo o que se coñece a parte nororiental do Reino Franco durante o período dos reis merovinxios, en contraposición a Neustria que era a parte noroccidental.
Clodoveo I o Grande, rei dos francos, dispuxo que o seu reino fose dividido entre os seus fillos á súa morte. A Clotario I o Vello deulle Neustria, a Teodorico I deulle Austrasia, a Sexismundo deulle Borgoña e a Khildeberto I deulle París. Desde a división do reino franco en 511 ata que Pipino o Breve reunificara o Reino Franco a mediados do século VIII iniciando a dinastía carolinxia, Austrasia foi durante a maior parte do tempo un reino independente con capital en Metz.
Austrasia comprendía territorios do leste da actual Francia, oeste de Alemaña, Bélxica e os Países Baixos. De forma aproximada comprendía as terras situadas nas concas dos ríos Rin, Mosa e Mosela. Ademais de Metz incluía localidades como Reims (que serviu de capital para algúns reis de Austrasia), Colonia ou Tréveris. A súa influencia prolongábase cara ao leste chegando a Turinxia e Baviera.
Desde a creación do reino en 511, Austrasia estivo constantemente envolvida en disputas coa súa veciña Neustria. Estas disputas alcanzaron o seu clímax coas guerras que enfrontaron á raíña Bruniquilda de Austrasia e a raíña Fredegunda de Neustria. En 613 unha rebelión da nobreza contra Bruniquilda depuxo á raíña e entregouna, xunto co reino, ao rei Clotario II de Neustria, que reunificou ambos reinos e creo un Reino Franco unido gobernado desde París.
Co debilitamento da influencia real en Austrasia, o posto de Mordomo de Palacio converteuse no auténtico poder fáctico do reino e converteuse en hereditario dentro da familia carolinxia. Desde que os carolinxios depuxeron ao último rei merovinxio, Austrasia non volveu formar un reino separado. Baixo os sucesores de Carlomagno recibía o nome de Austrasia a parte oriental do Imperio, a futura Alemaña.