Bacterium é o nome dun xénero histórico de bacterias, que actualmente xa non se considera válido. Bacterium foi un taxon descrito en 1828 por Christian Gottfried Ehrenberg. A especie tipo deste taxón era orixinalmente Bacterium triloculare, pero as mostras perdéronse, polo que foi cambiada por Bacterium coli (hoxe coñecida como Escherichia coli).[1] En 1951 e definitivamente en 1954 o xénero Bacterium foi eliminado da taxonomía ao ser recoñecido como nomen generum rejiciendum, o que significa "nome de xénero rexeitado", o cal tamén se aplicou á familia Bacteriaceae.[2][3]
Mentres estivo en vigor, o xénero incluía a bacilos que non forman esporas cuxa relación con outras especies era escura (era un "caixón de xastre da taxonomía"). Diferenciábase daquela do xénero Bacillus, constituído por bacilos formadores de esporas (sensu Cohn 1872[4]).
O termo introducido por Ehrenberg, tomado do grego "βακτήριον" ("pequeno bastón"), acabou utilizándose dun modo máis amplo para denominar en xeral a todos os procariotas (despois separáronse as arqueas), e para denominar a un dos dominios de seres vivos, as Bacteria (bacterias).