![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII e boa parte do XVIII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.[1]
A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.
O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, frecuentemente tratada con extrema crueza. Ao mesmo tempo mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.