Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Blastocisto

Blastocisto xusto antes da implantación
Blastocisto humano coa masa celular interna na parte superior dereita

O blastocisto[1] é unha estrutura formada nas etapas iniciais do desenvolvemento dos mamíferos. É o tipo de blástula dos mamíferos. Consta dunha masa celular interna, que despois formará o embrión. A capa externa do blastocisto consta dun conxunto de células chamado trofoblasto. Esta capa rodea a masa celular interna e unha cavidade chea de fluído chamada blastocele. O trofoblasto dá lugar á placenta. O nome "blastocisto" procede das palabras gregas βλαστός, blastos, 'gromo, abrocho', e κύστις, kystis, 'vexiga, cápsula'.

Nos humanos a formación do blastocisto empeza uns 5 días despois da fecundación, cando se abre na mórula (estado embrionario inicial de bóla maciza de 16 células) unha cavidade chea de fluído. O blastocisto ten un diámetro de 0,1–0,2 mm e contén de 200 a 300 células que están en rápida división (segmentación). Uns sete días despois da fecundación,[2] o blastocisto sofre a implantación, incrustándose no endometrio (capa interna da parede do útero). Alí experimentará sucesivos procesos de desenvolvemento, como a gastrulación. A incrustación do blastocisto no endometrio necesita que este saia da zona pelúcida ("faga eclosión"), a cal impide a adherencia ás trompas de Falopio mentres o preembrión fai a súa viaxe ata chegar ao útero.

O uso de blastocistos na fecundación in vitro (FIV) implica cultivar un ovo fecundado durante cinco días antes de implantalo no útero. Este pode ser un método máis viable de tratamento de fertilidade que o FIV tradicional no que se implantaba un embrión de só 2 ou 3 días.[3] A masa celular interna do blastocisto é fonte de células nai embrionarias. Os blastocistos ofrecen tamén a vantaxe de que poden utilizarse para facer probas xenéticas. O blastocisto ten moitas células, polo que poden retirarse algunhas células do trofoectoderma sen causar problemas ao blastocisto en desenvolvemento. Estas células poden servir para comprobar a existencia de aneuploidías cromosómicas usando un cribado xenético preimplantación ou condicións específicas como a fibrose quística, o que se adoita coñecer como diagnose xenética preimplantación.[4]

  1. Definición de Blastocisto no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. VanPutte, Cinnamon (2020). Seeley's Anatomy & Physiology. New York: McGraw-Hill. p. 1092. ISBN 978-1-260-56596-6. OCLC 1099344977. 
  3. Fong CY, Bongso A, Ng SC, Anandakumar C, Trounson A, Ratnam S (March 1997). "Ongoing normal pregnancy after transfer of zona-free blastocysts: implications for embryo transfer in the human". Human Reproduction 12 (3): 557–60. PMID 9130759. doi:10.1093/humrep/12.3.557. 
  4. Wang J, Sauer MV (December 2006). "In vitro fertilization (IVF): a review of 3 decades of clinical innovation and technological advancement". Therapeutics and Clinical Risk Management 2 (4): 355–64. PMC 1936357. PMID 18360648. doi:10.2147/tcrm.2006.2.4.355. 

Previous Page Next Page






كيسة أريمية Arabic Бластацыста BE Бластоцист Bulgarian Blastocist BS Blastocist Catalan بلاستۆچیکڵدانە CKB Blastocysta Czech Blastocyste German Blastocyst English Blastotsüst ET

Responsive image

Responsive image