O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.
A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sueste do mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.