A calmodulina (CaM) é unha proteína intracelular, de baixo peso molecular que expresan todas as células eucariotas. Únese ao ión calcio, para o que ten catro sitios de unión, e é un dos reguladores na transdución de sinais por calcio na célula, de onde lle vén o seu nome (en inglés, calcium-modulated protein, proteína modulada por calcio). O calcio participa no sistema de transdución de sinais intracelulares actuando como un segundo mensaxeiro difusible do estímulo inicial, e a calmodulina funciona como receptor reversible para o Ca+2. A calmodulina asóciase a multitude de proteínas diferentes regulando a súa actividade, polo que funciona como un mensaxeiro intermediario regulador.[1][2]