Un cladograma (do grego clados, "rama", e gramma, "carácter") é un diagrama usado en cladística que mostra as relacions entre organismos. Porén, un cladograma non é unha árbore evolutiva porque non mostra o modo en que os antepasados están relacionados cos seus descendentes ou canto cambiaron co tempo, e dun só cladograma poden inferirse moitas árbores evolutivas distintas.[1][2][3][4][5] Un cladograma utiliza liñas que se ramifican en diferentes direccións que acaban nun clado, un grupo de organismos cun último antepasado común. Os cladogramas poden ser de moitas formas mais todos eles teñen liñas que se ramifican doutras liñas. As liñas poden seguirse ata o punto onde se ramificaron. Estes puntos onde nace unha ramificación representan un antepasado común hipotético (non unha entidade real necesariamente) que se infire que mostra os trazos compartidos entre os taxons terminais situados por riba del.[4][6] Este antepasado hipotético podería entón proporcionar indicios sobre a orde en que evolucionaron varias características, as adaptacións, e outros aspectos evolutivos sobre os antepasados. Aínda que tradicionalmente estes cladogramas se xeraban na súa gran maioría baseándose nos caracteres morfolóxicos, agora é moi común utilizar para xeralos datos de secuenciación do ADN e ARN e filoxenia computacional, en solitario ou combinados coa morfoloxía.