A derme[1] ou o derma[2] é a segunda capa da pel situada debaixo da epiderme. Está entre a epiderme e o tecido subcutáneo, que é un tecido conectivo que amortece o corpo das tensión mecánicas. A derme dá á pel as súas características consistencia e resistencia. Divídese en dúas rexións, a máis superficial, adxacente á epiderme, denomínase derme papilar, e a máís profunda e grosa é a derme reticular.[3] A derme está estreitamente unida á epiderme por medio dunha membrana basal. Os compoñentes estruturais da derme son o coláxeno, fibras elásticas, e matriz extrafibrilar (antes chamada substancia fundamental).[4] Tamén contén mecanorreceptores que perciben as sensacións de tacto e calor, folículos pilosos, glándulas sudoríparas, glándulas sebáceas, glándulas apócrinas, vasos linfáticos e vasos sanguíneos. Os seus vasos sanguíneos proporcionan nutrientes e eliminan os refugallos procedentes das células dérmicas e epidérmicas (aínda que non entran na epiderme).