Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Electromagnetismo

O electromagnetismo é unha disciplina da física que estuda os campos e forzas eléctricos e magnéticos asociados á existencia de cargas e correntes eléctricas.

Toda a teoría do electromagnetismo pode construírse a partir das ecuacións de Maxwell, as leis que rexen o comportamento dos campos eléctricos e dos campos magnéticos. A formulación consiste en catro ecuacións diferenciais vectoriais que relacionan o campo eléctrico, o campo magnético e as súas respectivas fontes materiais (corrente eléctrica, polarización eléctrica e polarización magnética). A súa forma rigorosa é a que se ten no marco da teoría da relatividade e máis da física cuántica.

O electromagnetismo é unha teoría de campos; é dicir, as explicacións e predicións que prové baséanse en magnitudes físicas vectoriais ou tensoriais dependentes da posición no espazo e do tempo. O electromagnetismo describe os fenómenos físicos macroscópicos nos cales interveñen cargas eléctricas en repouso e en movemento, usando para isto campos eléctricos e magnéticos e os seus efectos sobre as substancias sólidas, líquidas e gasosas. Por ser unha teoría macroscópica, é dicir, aplicable só a un número moi grande de partículas e/ou a distancias grandes respecto das dimensións destas, o electromagnetismo non describe os fenómenos atómicos e moleculares, para os que é necesario usar a mecánica cuántica.

O electromagnetismo adoita ser dividido en diferentes campos de coñecemento, segundo as condicións ou restricións que se impoñan no seu desenvolvemento. Así, se se consideraren cargas fixas, estase a facer Electrostática, se en troques se consideran correntes estacionarias estase a facer Magnetostática; e cando se consideran situacións diferentes, con correntes eléctricas non estacionarias e daquela situacións nas que se producen radiacións -guiadas ou en propagación libre- ou resonancias en cavidades, entón estase a facer Electrodinámica. Se esta se fai no marco da versión clásica das ecuacións de Maxwell, trátase da Electrodinámica clásica, se porén se considera o marco da física cuántica, estaremos a falar de Electrodinámica cuántica.

A forza como consecuencia do campo electromagnético é unha das catro forzas fundamentais do universo actualmente coñecido.


Previous Page Next Page