A embriaguez (ebriedade ou, vulgarmente, borracheira e mona) consiste nun estado de alteración das facultades mentais e motrices do corpo a consecuencia dun consumo excesivo de alcohol cuxa presenza en sangue alcanza un determinado nivel que chega a provocar unha intoxicación etílica. A persoa nese estado denomínase ebrio ou borracho (máis tecnicamente, dipsómano), e, se a mesma situación se repite frecuentemente, se cualifica de alcohólico, concepto que xa adquire matices de adicción e conduta patolóxica, con danos para a saúde.
O termo pode empregarse tamén noutros sentidos figurados, cando se trata de expresar uns sentimentos moi exaltados que poden ofusca-la razón, falando, así, de estar embriagado de amor ou pola emoción; tamén pode aplicarse a perfumes ou esencias.