Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2015.) |
A escultura[1] (do latín sculptūra) é unha das belas artes que representa imaxes plásticas de relevancia total ou parcial. Existen varias técnicas de traballar os materiais para a creación dun obxecto. A diferenza da pintura, a cal se crea nun plano -un espazo ficticio de dúas dimensións-, a escultura é unha forma de expresión artística en tres dimensións o vulto redondo, ou de relevo, altorrelevo ou baixorrelevo, todo empregando o espazo real. O escultor actúa sobre diferentes materiais que transforma mediante procesos de talla e modelaxe, que son os métodos tradicionais. O emprego de diferentes combinacións de materiais e medios orixinou un novo repertorio artístico que comprende procesos co construtivismo e ensamblado. As técnicas escultóricas consisten principalmente en retirar ou xuntar ou moldear materia ou ben dando forma a un obxecto, sexa cal for a súa dimensión ou material usado. Nun sentido xenérico, enténdese por escultura a obra de arte plástica feita polo escultor.
Giorgio Vasari (1511-1573), empeza Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori cun prólogo técnico que fala de arquitectura, escultura e pintura, unhas disciplinas agrupadas baixo a denominación de «artes do deseño». A obra é un tratado informativo e valioso sobre as técnicas artísticas empregadas na época. En referencia á escultura comeza así:
... o escultor saca todo o superfluo e reduce o material á forma que existe dentro da mente do artista.
Dende tempos remotos o home tivo a necesidade de esculpir. Ao principio fíxoo cos materiais máis simples e que tiña máis á man: pedra, arxila e madeira. Despois empregou ferro, bronce, chumbo, cera, xeso, plastilina, resina de poliéster e plásticos con reforzo de fibra de vidro, formigón, a cinética e a reflexión da luz, entre outros. A escultura tivo no seu principio unha única función, o seu uso inmediato; posteriormente engadiuse unha función ritual, máxica, funeraria e relixiosa. Esta funcionalidade foi cambiando coa evolución histórica, adquirindo unha principalmente estética ou simplemente ornamental e chegou a ser un elemento duradeiro ou efémero.
O día 6 de marzo celébrase o Día Internacional do Escultor, en lembranza da data de nacemento de Miguel Anxo Buonarroti, acontecida nese día de 1475[2].