![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
As especies invasoras son animais, plantas ou outros organismos transportados e introducidos polo ser humano en lugares fóra da súa área de distribución natural e que conseguiron establecerse e dispersarse na nova rexión, onde afecta dalgún xeito aos ecosistemas locais. Que unha especie invasora resulta daniña, significa que produce cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais ou seminaturais, pondo en perigo a diversidade biolóxica nativa (en diversidade de especies, diversidade dentro das poboacións ou diversidade de ecosistemas). Debido aos seus impactos nos ecosistemas onde foron introducidas tales especies son consideradas enxeñeiros de ecosistemas.
Os seres humanos teñen causado cambios sen precedentes nos ecosistemas de todo o planeta e redistribuíron as especies vexetais e animais de forma voluntaria ou accidental. Como consecuencia destes cambios certas especies teñen un comportamento invasivo nas localidades de introdución, sendo máis susceptibles os hábitats alterados ou degradados. Estas invasións levan asociadas varios problemas. A nivel ecolóxico destaca a perda de diversidade autóctona e a degradación dos hábitats invadidos. Economicamente son importantes os efectos directos sobre as actividades agropecuarias e a saúde pública. Unha vez detectada a invasión, o seu control e erradicación son custosos e non sempre posibles. Identificar os invasores potenciais e evitar o seu establecemento é o mellor camiño para frear un problema que incrementa ao mesmo ritmo que a globalización.