O factor de crecemento endotelial vascular ou VEGF (do inglés vascular endothelial growth factor), antes chamado factor de permeabilidade vascular (VPF),[1] é unha proteína de sinalización producida polas células que estimula a vasculoxénese e a anxioxénese, favorecendo a formación de vasos sanguíneos. Forma parte do sistema que recupera a subministración de oxíxeno aos tecidos cando a circulación sanguínea é inadecuada. A concentración no soro sanguíneo de VEGF é alta na asma bronquial e diabetes mellitus.[2] A función normal do VEGF é crear novos vasos sanguíneos durante o desenvolvemento embrionario, e despois dunha lesión, no músculo despois do exercicio ou para xerar unha circulación colateral que sortee vasos bloqueados.
A sobreexpresión de VEGF pode contribuír ao desenvolvemento de doenzas. Os cancros sólidos non poden crecer alén dun tamaño limitado sen un rego sanguíneo axeitado; os cancros que poden expresar VEGF poden crecer e metastatizarse. A sobreexpresión de VEGF pode causar doenzas vasculares na retina do ollo e outras partes do corpo. Fármacos como o bevacizumab e ranibizumab poden inhibir o VEGF e controlar ou facer máis lentas esas doenzas.
O VEGF é unha subfamilia de factores de crecemento, concretamente a familia do factor de crecemento derivado de plaquetas dos factores de crecemento de nó de cistina. Son importantes proteínas de sinalización implicadas tanto na vasculoxénese (formación de novo dos vasos do sistema ciruclatorio embrional) coma na anxioxénese (crecemento de vasos nunha vasculatura xa existente).