Himno | Hej, Sloveni | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Belgrado | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 23.271.000 (1991) (90,97 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua serbocroata | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 255.804 km² | ||||
Bañado por | mar Adriático | ||||
Punto máis alto | Monte Triglav (2.864 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1 de decembro de 1918 | ||||
Disolución | 27 de abril de 1992 | ||||
Sucedido por | estados post-Iugoslavia | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía (1918–1945) república (1945–) | ||||
Membro de | |||||
Moeda | dinar iugoslavo (pt) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .yu | ||||
Prefixo telefónico | +38 | ||||
Código de país | YU | ||||
Iugoslavia (/iuɣosˈlaβja/; lit. "Terra dos eslavos do sur"; en serbocorata: Jugoslavija ou Југославија [juɡǒslaːʋija]; en esloveno: Jugoslavija [juɡɔˈslàːʋija]; en macedonio: Југославија [juɡɔˈsɫavija][1]) foi un estado situado na península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Fundouse en 1918, após a primeira guerra mundial,[2] a partir do Reino de Serbia e do Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, baixo o nome de Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. O país existiu até a súa disolución en 1992, e constituíu a primeira unión de pobos eslavos meridionais nun estado soberano, despois de séculos de dominio estranxeiro na rexión baixo o Imperio Otomán e o Imperio Austrohúngaro. Obtivo recoñecemento internacional o 13 de xullo de 1922, na Conferencia dos Embaixadores, en París.[3] O 3 de outubro de 1929, trocou o nome a Reino de Iugoslavia.
O 6 de abril de 1941, o reino é invadido e ocupado polas potencias do Eixe. En 1943, proclamase a República Democrática Federal de Iugoslavia pola resistencia partisana e, o rei Pedro II, que por ese entón moraba no exilio, recoñécea coma goberno lexítimo. Após o triunfo dos partisanos, na liberación de Iugoslavia en 1945, o novo goberno comunista abole a monarquía, e o país é renomeado coma República Federal Popular de Iugoslavia. Engádense entón ao seu territorio as rexións de Istria, Rijeka e Zadar, previamente ocupadas por Italia no período de entreguerras. O líder partisano, Josip Broz Tito, gobernou o país dende 1944 coma primeiro ministro e, máis tarde, coma presidente, até o seu finamento en 1980. En 1963, o estado é renomeado por derradeira volta coma República Federal Socialista de Iugoslavia.
As seis repúblicas constituíntes que formaban a República Federal Socialista de Iugoslavia foron as repúblicas socialistas de Bosnia e Hercegovina, Croacia, Eslovenia, Macedonia, Montenegro e Serbia. Esta última posuía dúas provincias autónomas socialistas, Kosovo e Voivodina, que despois de 1974 estiveron case ao par cos outros membros da federación.[4] Após unha gran crise económica e política na década dos '80, e do xurdimento do nacionalismo e conflitos étnicos, Iugoslavia desintegrase ao longo das fronteiras das súas repúblicas, primeiro en cinco países, o que conduce ás guerras iugoslavas. Dende 1993 até 2017, o Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia xulgou a líderes políticos e militares de Iugoslavia por crimes de guerra, xenocidio e outros crimes perpetrados durante ditas guerras.
Trala disolución, as repúblicas de Montenegro e Serbia forman un estado federativo reducido, a chamada República Federal de Iugoslavia, coñecida posteriormente coma Serbia e Montenegro. Este estado aspiraba ao estatuto de único sucesor legal da RFSI, mais ditas afirmacións foron opostas polas antigas repúblicas. Finalmente, aceptou a posición do Comité de Arbitraxe Badinter sobre a sucesión compartida,[5] e no 2003 o seu nome trocase a Serbia e Montenegro. Este estado disolvese cando Montenegro e Serbia se converten en estados independentes no 2006, con Kosovo tendo aínda unha disputa en curso sobre a súa declaración de independencia de 2008.