Johann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período barroco da música erudita. Considérase un dos compositores máis grandes e influentes da historia da música. Moitas das súas obras reflicten unha gran profundidade intelectual, expresión emocional e, sobre todo, altísimo dominio técnico. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.[1]
A súa vida foi similar á de moitos funcionarios musicais do seu tempo na Alemaña luterana, escasa en grandes acontecementos. Ocupou os postos de organista en Arnstadt entre 1703 e 1707, e Mühlhausen (1707-1708), organista da corte e posteriormente mestre de capela do duque de Weimar, e entre 1717 e 1723 foi director musical na corte do príncipe Leopold en Köthen.[1] En 1720 faleceu a súa esposa, e un ano máis tarde volveu casar, esta vez coa cantante Anna Magdalena Wilcke. A partir de 1723 e ata a súa morte, Bach foi mestre de capela e kantor na igrexa de San Tomé en Leipzig e director musical da cidade.[1] Chegou a ser invitado á corte de Frederico II o Grande en Sanssouci. Aínda que en vida gozou de certa fama na Alemaña protestante como virtuoso organista e compositor de eruditas obras contrapuntísticas, había canto menos media ducia de compositores máis coñecidos ca el en Europa.[1] Bach tivo numerosos alumnos e estudantes ó longo da súa vida. Entre eles cóntase a Johann Friedrich Agricola. Finou en 1750, despois dunha intervención fracasada no ollo, facendo que Bach fose quedando cego ata perder totalmente a vista.[2]
Bach encabezou unha gran familia numerosa. Tivo 7 fillos do seu primeiro matrimonio e 13 do segundo. Tres dos fillos que tivo coa súa segunda esposa convertéronse en compositores respectados por dereito propio. Entre eles cóntanse Wilhelm Friedemann Bach (1710-1784), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788, de quen Mozart tiña unha moi boa opinión) e Johann Christian Bach (1735-1782).[3][4] Porén, a confianza que Bach puxo nun dos seus fillos maiores tivo tristes consecuencias despois do seu falecemento. O fillo perdeu para sempre varias Paixóns compostas polo seu pai (que quizais agora serían tan apreciadas como a Matthäus-Passion e a Johannes-Passion). Se non fose polo coidado que tivo Carl Philipp Emanuel en conservar os manuscritos do seu pai, poderían terse perdido unha boa parte das obras mestras de Bach.[5]
Na época da súa vellez, cando a xente se refería a Bach facíao pensando no seu famoso fillo Carl Philipp. Nas xeracións que seguiron a Bach, soamente os compositores e músicos coñecían a súa obra. Así, por exemplo, Haydn, Mozart e Beethoven tiveron un grande aprecio pola obra de Bach.[6]
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Geiringer103
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Wolff98111
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome wolffIIp177P179
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome HH198
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome SWW452