Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Kepler (telescopio)

Lanzamento da Kepler.

Kepler é o nome dun telescopio que orbita arredor do Sol na busca de planetas extrasolares, en especial aqueles de tamaño similar á Terra, levando a cabo o que se denomina como "misión Kepler". O lanzamento realizouse na madrugada do día 6 de marzo de 2009 dende Cabo Cañaveral a cargo da NASA, posto en orbita por un foguete modelo Delta II.

O nome deste satélite artificial é un epónimo dedicado ó astrónomo e matemático Johannes Kepler (1571-1630), descubridor do que se coñecen como "as tres leis de Kepler", que describen as características das orbitas planetarias. Os descubrimentos de Kepler só puideron ser posibles grazas á exhaustiva labor na recompilación de datos de Tycho Brahe (1546-1601), tarefa que pretende emular de forma automatizada este telescopio.

Kepler forma parte do "programa Discovery" da NASA; un programa de custo relativamente baixo, enfocado a misións científicas específicas. A construción do telescopio e a súa posta en marcha foi xestionada polo Jet Propulsion Laboratory da NASA, sendo Ball Aerospace responsable do desenvolvemento do sistema de voo e o Centro de Investigación Ames o responsable tanto do desenvolvemento do sistema de terra como das operacións dende decembro de 2009, así coma da análise dos datos científicos.

A duración prevista nun principio era de 3,5 anos; agardábase que a misión rematase a fins do 2012, mais foi ampliada posteriormente ata o 2016. A pretensión era descubrir varios planetas de tamaño similar á Terra orbitando derredor da súa estrela a unha distancia semellante a do noso planeta respecto do Sol. Non obstante, antes desta data, o satélite xa podía detectar planetas cun tamaño meirande á Terra ou que orbitasen máis cerca da súa estrela[1]. Porén a existencia de ruído, máis do estimado inicialmente, fixo necesario que a misión se ampliase por máis tempo para poder cumprir os obxectivos. Prolongándose deste xeito a misión de 2012 ata o 30 de setembro de 2016[2].

Infortunadamente o satélite artificial avariouse ó ano seguinte. Para que o satélite operase de forma adecuada era necesario que como mínimo 3 dos 4 xiroscopios funcionasen correctamente[3], podendo deste xeito orientar a nave, mais o 15 de maio de 2013 avariouse un segundo xiroscopio[4]. Durante os meses seguintes intentouse recuperar ao menos un deses dous xiroscopios estragados, pero finalmente o 15 de agosto a NASA anunciou que desistía no intento de reparar algún dos xiroscopios e que considerarían novos obxectivos que se puidesen levar a cabo nas condicións actuais do telescopio[5].

Mentres a sonda Kepler estivo operativa atopáronse un total de 2.740 posibles candidatos a exoplaneta; xa se confirmaron 114 planetas en 69 sistemas estelares diferentes. En xaneiro de 2013 os astrónomos do Centro Harvard-Smithsonian para Astrofísica (CfA) acudiron ós datos obtidos pola sonda Kepler para estimar en "ao menos 17 mil millóns de exoplanetas do tamaño da Terra" que existirían na Vía Láctea[6].

En maio de 2014 a NASA acorda a ampliación dos obxectivos da misión espacial Kepler, co visto e prace dos seus expertos, para estender a observación cara a outras partes do universo, orientado cara ao descubrimento de novos planetas extrasolares ademais da observación de cúmulos estelares, de estrelas novas e vellas, galaxias activas e supernovas que se situen no plano da elíptica terrestre. Ata o momento estaba apuntando continuamente cara a constelación do Cisne.

  1. NASA (5 de Marzo de 2009) Five Things About Kepler Arquivado 08 de marzo de 2009 en Wayback Machine.. Consultado o 30 de abril de 2014, en inglés.
  2. Space.com. (4 de Abril de 2012) "NASA Extends Planet-Hunting Kepler Mission Through 2016". Consultado o 29 de abril de 2014, en inglés.
  3. Stephen Clark (16 de Outubro de 2012) «Kepler's exoplanet survey jeopardized by two issues»
  4. The New York Times (15 de maio de 2013) «Equipment Failure May Cut Kepler Mission Short». Consultado o 29 de abril de 2014, en inglés
  5. NASA (15 de Agosto de 2013) «NASA Ends Attempts to Fully Recover Kepler Spacecraft, Potential New Missions Considered» Arquivado 16 de agosto de 2023 en Wayback Machine.. Consultado o 30 de abril de 2014, en inglés.
  6. Space.com "17 Billion Earth-Size Alien Planets Inhabit Milky Way". Consultado o 30 de abril de 2014, en inglés.

Previous Page Next Page