Lactobacillus, tamén chamado bacilo de Döderlein, é un xénero de bacterias grampositivas anaerobias facultativas ou microaerófilas con forma de bacilo.[1] Forman o grupo principal das bacterias do ácido láctico, chamadas así porque a maioría dos seus membros converten por fermentación o disacárido lactosa e outros azucres en ácido láctico. Nos humanos están presentes na vaxina, formando parte da flora vaxinal,[2] e no tracto gastrointestinal, onde forman unha pequena porción da flora intestinal.[3] Son bacterias benignas, pero foron asociadas coa carie dental, aínda que isto é discutido. Moitas especies son importantes na descomposición da materia vexetal. A produción de ácido láctico fai que o seu ambiente se faga ácido, o que inhibe o crecemento de moitos outros microorganismos, incluíndo moitas bacterias nocivas. Utilízanse na produción de alimentos, como produtos lácteos. Secuenciouse o xenoma de varios membros do xénero.[4]