Unha lambetada[1] ou lambonada[2] é un alimento doce que se toma máis por gusto ca para alimentarse. Caracterízase por ter azucres ou adozantes como ingredientes principais. Ao contrario que os pasteis ou as tortas, que se adoitan compartir con outras persoas como sobremesa despois dunha comida, as lambonadas cómense de xeito casual como petisco e moitas veces coas mans.
Con escaso ou nulo valor nutritivo en proteínas, vitaminas e minerais, o seu consumo en exceso é un mal hábito que está espallado especialmente entre os cativos e que pode desencadear problemas de saúde como a obesidade, diabetes e mesmo anemia, xa que aporta pouco ferro á dieta e ocasiona a perda de apetito por alimentos realmente nutritivos.