Fabáceas (Leguminosas) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Vicia sativa | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Subfamilias | |||||||||||
| |||||||||||
Sinonimia | |||||||||||
As leguminosas (Leguminosae) ou fabáceas (Fabaceae) [1] son unha familia de árbores, arbustos e herbas perennes ou anuais, recoñecibles de xeito doado polo seu froito de tipo legume e as súas follas compostas e estipuladas. É unha familia de distribución cosmopolita con aproximadamente 730 xéneros e unhas 19.400 especies, o que a converte na terceira familia con maior riqueza de especies logo das compostas (Asteraceae) e as orquídeas (Orchidaceae). Esta riqueza de especies áchase particularmente concentrada nas ramas das mimosóideas e as fabóideas, xa que conteñen cerca do 9,4% da totalidade das especies das eudicotiledóneas.[2] Estimouse que ao redor do 16% de todas as especies arbóreas nos bosques chuviosos neotropicais son membros desta familia. Así mesmo, as Fabáceas son a familia máis representada nos bosques tropicais chuviosos e nos bosques secos de América e África.[3]
Independentemente dos desacordos que até hai pouco tempo existiron ao redor de se as Fabáceas deberían ser tratadas como unha soa familia composta de tres subfamilias ou como tres familias afastadas, existe unha gran cantidade de información e evidencias tanto moleculares como morfolóxicas que sustentan que as leguminosas son unha soa familia monofilética.[4]
Este punto de vista reforzouse non só polo grao de interrelación que exhiben diferentes grupos dentro da familia comparados con aquel achado entre as leguminosas e os seus parentes máis próximos, senón tamén por tódalas recentes análises filoxenéticas baseadas en secuencias do ADN.[5][6][7] Tales estudos confirman que as leguminosas son un grupo monofilético e que está estreitamente relacionado coas familias Polygalaceae, Surianaceae, e Quillajaceae xunto ás que conforman a orde Fabales.[8]
Xunto cos cereais e con algunhas froitas e raíces tropicais, varias leguminosas foron a base da alimentación humana durante milenios, sendo o seu uso un compañeiro inseparable da evolución do home.[9]