Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os liques son seres vivos moi simples que se desenvolven como láminas ou placas de varias cores na superficie de árbores ou de pedras, expostas á humidade e ao sol. Son xeralmente estudados polos botánicos, a pesar de non seren verdadeiras plantas. Os liques son unha simbiose: un organismo formado por un fungo (o micobionte) e unha alga ou cianobacteria (o fotobionte). Algúns taxonomistas colocan os liques na súa propia división (Mycophycophyta), mais isto ignora o feito de que os compoñentes pertencen a liñaxes separadas.
A verdadeira natureza desta simbiose é aínda tema de debate polos científicos. Algúns afirman que o fungo é un parasito do fotobionte; no entanto, en moitos casos, a alga soa non sobrevive no hábitat ocupado, nin tampouco o fungo illado e, polo tanto, non é realista usar o termo parasita.
O microbionte dos liques pertence, na súa maioría, á clase ascomicetos (por riba do 95%), sendo os restantes Basidiomycetes. Cada especie de lique ten unha especie diferente de fungo e é con base nesa especie que os liques son clasificados. A clasificación baséase, en xeral, nas características do talo e órganos reprodutivos. Están descritas entre 13.500 e 17.000 especies de liques, de acordo con diferentes sistemas de clasificación. Cerca do 20% das especies de fungos coñecidas pertencen a liques.
Os fotobiontes son moito menos numerosos cós micobiontes, ou sexa, a mesma especie de alga pode formar parte de varios liques diferentes. Moitas especies de alga, se non todas, poden existir illadamente nalgúns hábitats, mais cando forman parte dun lique, presentan unha distribución moito maior.