Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Lugo | ||||
Capital de | |||||
Capital | Lugo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 98.214 (2023) (295,83 hab./km²) | ||||
Xentilicio | lucense | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 332.000.000 m² | ||||
Altitude | 465 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1834 | ||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Paula Alvarellos (2024–) | ||||
Eleccións municipais en Lugo | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27001–27004 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 27028 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | concellodelugo.gal | ||||
Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo [1], é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.
Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.
Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.
O xentilicio dos habitantes é lugués[2] ou tamén lucense[3][4]. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro máis dun millón de visitantes.