A melanina (do grego μέλας, negro) é un pigmento amplamente distribuído na nautreza, que se atopa na maioría dos organismos (agás nas arañas). É o pigmento que lle dá cor á pel, pelo e iris dos ollos. Nos animais a melanina deriva do aminoácido tirosina. A forma bioloxicamente máis común de melanina é a eumelanina, un polímero castaño escuro-negro de dihidroxiindol-ácidos carboxílicos, e as súas formas reducidas. Todas as melaninas teñen unha estrutura similar á dos derivados do poliacetileno, xa que se basean nunha estrutura policonxugada. Outra forma común da melanina é a feomelanina, un polímero vermello-castaño da benzotiazina principal responsable do pelo vermello e as pencas. Algunhas neuronas conteñen neuromelanina. A presenza de melanina nas arqueas e bacterias está sendo debatida polos investigadores nese eido.
O aumento da produción de melanina na pel humana chámase melanoxénese. A produción de melanina é estimulada polos danos no ADN inducidos pola radiación ultravioleta B,[1] e produce un bronceado, que tarda en desenvolverse pero é moi duradeiro.[2]
As propiedades fotoquímicas da melanina fan que sexa un excelente fotoprotector. Absorbe as radiacións ultravioleta nocivas e transforma a enerxía en calor. Pode disipar como calor máis do 99,9% da luz ultravioleta absorbida [3]. Isto impide os danos indirectos no ADN que son responsables do desenvolvemento de cánceres de pel como o melanoma maligno.