Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.
Miocito
Estrutura da célula muscular e da unión neuromuscular: 1. Axón 2. Unión neuromuscular 3. Fibra muscular (miocito) 4. Miofibrila.Estrutura dun sarcómero: S = sarcómero, unidade funcional do músculo A = banda A, rexión da miosina con solapamento parcial coa actina I = banda I, rexión da actina H = zona H, rexión de só miosina Z = liña Z, límite do sarcómero M = liña M, centro do sarcómero.
O miocito, tamén chamado fibra muscular ou célula muscular é o tipo de célula que forma o tecido muscular. Son células longas e tubulares que se orixinan a partir de mioblastos.[1] Hai varias clases de miocitos, especializados segundo o tipo de músculo no que se atopen, polo que se distinguen os seguintes tipos:
Fibra muscular estriada esquelética. Forman os músculos esqueléticos, é dicir, os músculos unidos aos ósos do esqueleto formando o aparato locomotor, que causan os movementos do corpo controlados voluntariamente. Están cheas de miofilamentos de proteínas contráctiles (actina e miosina principalmente) moi ordenados formando uns paquetes chamados miofibrilas, que presentan lonxitudinalmente unha sucesión de unidades contráctiles chamadas sarcómeros. A superposición regular destes filamentos dá lugar a unhas estriacións na fibra perfectamente visibles ao microscopio, tanto na miofibrila como na célula muscular completa. Estes miocitos son cilíndricos, moi longos e estreitos e afiados nos extremos, polo que son fusiformes, e teñen varios núcleos en posición superficial.[2]
Fibra muscular estriada cardíaca. Non son cilíndricos e fusiformes senón que se bifurcan e conectan con outros adxacentes por uns extremos especializados chamados discos intercalares. Tamén forman sarcómeros e estriacións, pero teñen un só núcleo situado en posición profunda e son de contracción involuntaria.
Os miocitos cardíacos, ademais de seren responsables da contracción do corazón, son tamén responsables de xerar os impulsos eléctricos que controlan a frecuencia cardíaca. Esta función exércena miocitos cardíacos especializados situados no nodo sinoauricular, nodo auriculoventricular e feixe de His do corazón (ver fibra de Purkinje).[2]
Fibra muscular lisa. Forman os músculos das paredes de órganos e condutos e orixinan a contracción e peristaltismo involuntario de ditas paredes. Son fusiformes e agrúpanse en láminas ou feixes. Presentan un núcleo único e carecen de sarcómeros e estriacións, xa que as súas miofibrilas están bastante desordenadas.[2]