Moluscos Mollusca Rango fósil: cámbrico inferior - actualidade | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Polbo (Octopus vulgaris). Un cefalópodo | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Clases | |||||||||||
O dos moluscos[1] (Mollusca) constitúe un dos grandes filos do reino animal.[2][3]
Son invertebrados protóstomos, celomados, triblásticos, con simetría bilateral (aínda que algúns poden presentar unha asimetría secundaria) e non segmentados, de corpo brando, espido ou protexido por unha cuncha.
Os moluscos son os invertebrados máis numerosos despois dos artrópodos, e inclúen formas tan coñecidas como as ameixas, ostras, luras, polbos, lesmas e unha gran diversidade de caracois, tanto mariños como terrestres. Calcúlase que poden existir cerca de 100 000 especies viventes, e 35.000 especies extintas, xa que os moluscos teñen unha longa historia xeolóxica, que abarca desde o cámbrico inferior até a actualidade.[4]
Os moluscos colonizaronn practicamente todos os ambientes, desde as grandes alturas de até máis de 3 000 m sobre o nivel do mar até profundidades oceánicas de máis de 5 000 m de profundidade, nas augas polares ou tropicais, e adoitan seren elementos comúns dos litorais de todo o mundo. E o filo mariño máis numeroso, e contén un 23 % de todas os organismos mariños descritos.
O filo usualmente divídese en nove ou dez clases, das que dúas están totalmente extintas. Os gasterópodos (caracois e lesmas) son, con diferenza, os moluscos máis numerosos polo que concirne a especies clasificadas, e suman o 80 % do número total de especies de moluscos coñecidas. Os moluscos cefalópodos, como as luras, sepias e polbos, encóntranse entre os invertebrados cun sistema neurolóxico máis avanzado. As luras xigantes (xénero Architeuthis) e as luras colosais (xénero Mesonychoteuthis) disputan o título de invertebrado máis grande coñecido.
O estudo científico dos moluscos denomínase malacoloxía.[5] O termo malacoloxía vén do grego μαλακός malakos, 'brando' e -λογία, de λόγος logos 'estudo',[6] e empezou a usarse en francés en 1814,[7] e do francés pasou ás demais linguas europeas.[8]
Falando desta disciplina cómpre dicir que o interese do home polos moluscos é moi grande, e moi antigo, e que durante os séculos XVIII e XIX se formaron importantes coleccións malacolóxicas e conquiliolóxicas (de cunchas) tanto de prestixiosas institucións como museos e academias de ciencias como de coleccionistas privados, e aínda hoxe en día coleccionar cunchas de moluscos é un dos principais pasatempos de moitas persoas en todo o mundo. Debido a esta afección os moluscos son un dos grupos zoolóxicos mellor estudados despois dos vertebrados.
Os moluscos son unha importante fonte de alimentación para a especie humana. Ademais, numerosas enfermidades parasitarias tanto humanas como veterinarias son transmitidas polos moluscos, que actúan como hospedadores intermediarios, sobre todo de platihelmintos trematodos.