Unha nube[1] é un hidrometeoro visible formado pola acumulación de cristais de xeo e/ou pingas de auga microscópicas suspendidas na atmosfera, como consecuencia da condensación do vapor de auga.[2] Xeralmente de cor branca, pode escurecerse ao aumentar o seu espesor óptico, ata volverse gris escura case negra.
As pingas e os cristais poden estar formados por auga ou outras substancias químicas. Na Terra, as nubes fórmanse como resultado da saturación do aire cando se arrefría ata o seu punto de resío, ou cando adquire suficiente humidade (normalmente en forma de vapor de auga) dunha fonte adxacente para elevar o punto de resío ata a temperatura ambiente.
As nubes sitúanse na homosfera da atmosfera da Terra, que inclúe a troposfera, a estratosfera e a mesosfera. A ciencia que estuda as nubes é a nefoloxía, unha rama da meteoroloxía centrada na formación, composición, densidade, temperatura, evolución, movemento, agrupación e clasificación das nubes. Existen dous métodos para denominar as nubes nas súas respectivas capas da homosfera, polo nome en latín e polo nome común.
Os xéneros da troposfera, a capa atmosférica máis próxima á superficie terrestre, teñen nomes latinos debido á adopción universal da nomenclatura de Luke Howard que a propuxo formalmente en 1802. Converteuse na base dun sistema internacional moderno que divide as nubes en cinco formas físicas que, á súa vez, poden dividirse ou clasificarse en niveis de altitude para obter dez xéneros básicos. Os principais tipos de nubes representativos de cada unha destas formas son os stratus, os cumulus, os stratocumulus, os cumulonimbus, e os cirrus . As nubes de nivel baixo non teñen prefixos relacionados coa altitude. Con todo, os tipos estratiformes e estratocumuliformes de nivel medio reciben o prefixo alto-, mentres que as variantes de nivel alto destas dúas mesmas formas levan o prefixo cirro-. En ambos os casos, suprímese estrato- desta última forma para evitar a dobre prefixación. Os xéneros cunha extensión vertical suficiente para ocupar máis dun nivel non levan prefixos relacionados coa altitude. Clasifícanse formalmente como de nivel baixo ou medio en función da altitude á que se forman inicialmente, e tamén se caracterizan máis informalmente como multinivel ou vertical. A maior parte dos dez xeneros derivados por este método de clasificación poden subdividirse en especies e á súa vez en variedades. As nubes estratiformes moi baixas que se estenden ata a superficie da Terra reciben os nomes comúns de néboa e brétema, pero non teñen nomes en latín.
Na estratosfera e mesosfera, as nubes teñen nomes comúns para os seus principais tipos. Poden ter a aparencia de veos ou láminas estratiformes, mechas cirriformes ou bandas ou ondulacións estratocumuliformes. Vénse con pouca frecuencia, principalmente nas rexións polares da Terra. Observáronse nubes nas atmosferas doutros planetas e lúas do sistema solar e máis aló. Con todo, debido ás súas diferentes características de temperatura, adoitan estar compostas, ademais de auga, por outras substancias como metano, amoníaco e ácido sulfúrico.
As nubes troposféricas poden ter un efecto directo sobre o cambio climático na Terra. Poden reflectir os raios entrantes do sol, o que pode contribuír a un efecto de arrefriado onde e cando se producen estas nubes, ou atrapar a radiación de onda máis longa que se reflicte de novo desde a superficie da Terra, o que pode causar un efecto de quecemento. A altitude, a forma e o espesor das nubes son os principais factores que inflúen no quecemento ou arrefriado local da Terra e a atmosfera. As nubes que se forman por encima da troposfera son demasiado escasas e finas para influír no cambio climático. As nubes son a principal incerteza da sensibilidade climática.[3]