Peso é, inicialmente, a denominación da moeda española de 8 reais de prata, cun peso de entre 27 e 27,5 gramos e 40 milímetros de diámetro, cuñada desde pouco despois da Descuberta de América ata ben entrado o século XIX, así como doutras moedas de valores e métrica semellantes, emitidas tanto en España como nas súas colonias e noutros estados, moi especialmente as equivalentes españolas de 20 reais de billón, 2 escudos e de 5 pesetas, esta última en circulación ata a entrada do euro.[1][2][3][4]
Noutras tradicións culturais, estas moedas denomínanse spanish dollar (no mundo anglosaxón), piastre espagnole (no mundo francófono), dollaro spagnolo (no ámbito italiano), spaanse mat (nos Países Baixos) etc.