A pizza[1] (voz it. [ˈpittsa] (axuda · info)) é unha torta chá de trigo con queixo mozzarella, salsa de tomate e outros ingredientes, cocida ó forno, típica da cociña napolitana.
Aínda que se considera que a súa orixe está na gastronomía italiana, particularmente a napolitana, o seu consumo está estendido a case todos os países do mundo con diversas variantes locais que incorporan distintos ingredientes para cubrir a masa. Xunto coa hamburguesa, a pizza está considerada a comida máis difundida do mundo,[2][3] como consecuencia da diáspora italiana que se estabeleceu en América ao longo do século XX principalmente en Nova York, Buenos Aires ou Chicago.
As técnicas e ingredientes para elaborar as pizzas diversificáronse enormemente. A masa normalmente é de forma circular, mais tamén hai pizzas con forma cadrada, con masas finas ou grosas, con fariñas que non son de trigo, sen salsa de tomate ou sen queixo.
Dende 1989, ten lugar anualmente en Italia o Campionato Mundial da Pizza que realiza varias competicións e premia a quen obteñan os tres primeiros lugares en cada unha delas.[4][5] Na edición de 2018, participaron 773 pizzaioli (pizzeiros) provenientes de 44 países.[6] En 2010, a Unión Europea recoñeceu á pizza napolitana como Especialidade Tradicional Garantida (ETG, en italiano Specialità Tradizionale Garantita)[7] e, en 2017, a Unesco recoñeceu a arte dos pizzaioli napolitanos como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.[8]